Friday 03 de May de 2024

O Concello convida ao alumnado dos coles de Neda a achegarse á historia e actividade daFábrica de Xubia


O director de Galicia Textil, Héctor González, actuou esta semana de guía para os nenos e nenas de Primaria do CEIP San Isidro

Preto de medio centenar de alumnos e alumnas de 1º, 2º e 6º de Primaria do CEIP San Isidro participaban entre onte e hoxe, xunto aos seus profes, nunha serie de visitas guiadas á Fábrica de Xubia no marco do programa “Educando en patrimonio e historia”, que promove o Concello de Neda.

Acompañados da concelleira de Ensino, Ángeles Puentes, e da estudante do Grao de Moda Antía Fuentes, e guiados polo director de Galicia Textil SA, Héctor González, achegábanse ao proceso artesanal de elaboración dos tecidos e, sobre todo, á historia dunhas instalacións que superan os 200 anos de vida.

Así, no pasillo central exterior, e ás portas da igrexa que alberga a fábrica, González repasaba a orixe da factoría como Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, fábrica de construción de fusís e tamén de chapas de cobre coas que se recubría o armazón dos barcos de madeira, mellorando así a súa navegabilidade ao evitar a adherencia de algas ou crustáceos. Accedían ao templo, nun moi bo estado de conservación
trala rehabilitación realizada en 1995 polos actuais propietarios -adquiriron a fábrica en 1982-, e fotografiábanse xunto ao escudo nos xardíns da parcela, que ocupa uns 55.000 metros cadrados. Observaban tamén os edificios que albergan as antigas vivendas dos e das traballadores/as e consello de administración, e accedían á planta de elaboración de tecidos. Unha planta que segue a técnica artesanal de toda a vida, baseada no tear de madeira, pero a maior velocidade coa incorporación de maquinaria electrónica. Así, cada día se elaboran 7.000 metros de tea en Neda – máis de 1,8 millóns de metros en 2022-.

O proceso comeza no urdidor, enrolando fío a fío. Ata 700 metros de fío por minuto. Logo, pasa á encoladora, onde se unifican os fíos, e máis tarde á remetedora, onde se deseña a estrutura do tecido, e que constitúe a antesala do corazón da fábrica, o tear. Unhas teas que se almacenan e exportan a outras factorías para un tratamento posterior que permitirá o seu uso na confección de roupa de traballo ou uniformes para sectores como os de Defensa, Sanidade, Industria…

As visitas continuarán tralo Entroido, co alumnado do CEIP de Maciñeira.